Icona de matriculación

A UNED de Lugo abre mañá, día 4 de setembro, os prazos de matrícula (enlace a matrícula online)  para o acceso á súa oferta académica tanto dos novos estudantes como dos que xa viñan cursando algúns dos seus programas.

No caso dos primeiros, os alumnos de novo ingreso deberán cumprir as súas solicitudes entre os días 4 e 25 para acceder aos graos, as licenciaturas, diplomaturas e enxeñarías.

No caso dos estudantes que non son de novo ingreso, o prazo é do 4 de setembro ao 18 de outubro para os graos, e do 11 de setembro ao 23 de outubro para as licenciaturas, diplomaturas e enxeñarías.

A matrícula para o curso de acceso a maiores de 25 e 45 anos realizarase entre o 12 de setembro e o 29 de outubro.

En canto á formación permanente, o período de matriculación estará aberto ata o 30 de novembro.

Os trámites de matrícula deberán realizarse por internet, na páxina da UNED (www.uned.es ), se ben a secretaría do centro asociado prestará todo o asesoramento e apoio necesarios.  Como en anos anteriores, os estudantes poden solicitar a bolsa ao Ministerio De Educación, a través da páxina http://www.mec.es .

Ademais, a UNED recorda que algúns colectivos han de formalizar unha solicitude de admisión antes da matrícula, un trámite que haberán de realizar antes do 25 de setembro. Neste caso están os alumnos que solicitan praza en licenciaturas, diplomaturas, enxeñarías e graos, salvo os que contan con titulación que proporcione acceso directo á universidade: titulados universitarios, técnicos superiores de FP e equivalentes, os que superaron as probas de acceso pola UNED ou os que estaban noutra titulación e queren cambiar ou simultanear estudios.

Aqueles que desexen obter máis información poden facelo na secretaría do Centro asociado, nas Aulas de Foz, Monforte e Viveiro, na páxina https://unedlugo.wordpress.com/, chamando ao número de teléfono 982.280202 ou enviando un correo electrónico a info@lugo.uned.es.