O Centro Asociado da UNED de Lugo expón a partires do día 20 de maio, e ata o día 11 de xuño, a colección de fotografía que leva por título “Xentes do Sur de Etiopía”. As fotografías realizadas por Dona Mariluz Doval, estudante do Centro Asociado da UNED de Lugo, estarán expostas ininterrompidamente nas plantas baixa e soto do Centro Asociado á UNED de Lugo no Edificio Forcam.

As fotografías constitúen un percorrido polas distintas etnias que habitan o val do Río Omo. Entre ditas etnias podemos destacar os Hamer, os Arbore, os Mursi, os Karo e así ata 15 tribos diferentes. Algunhas contan cunha poboación que supera as 70.000 persoas e outras en cambio non superan o milleiro. Todas teñen o seu dialecto propio, e aínda que ao principio custa diferencialas unhas doutras, todas teñen os seus símbolos distintivos: o peiteado, as escarificacións (pequenos cortes na pel que se infectan para producir debuxos ou adornos), a tintura da pel cunha base de arxila, as plumas, as pinturas en cara e corpo, etc. Todas son gandeiras, pero desde pequenos están iniciados na arte da guerra. E é que a paz entre estas tribos susténtase con pinzas, e só falta un altercado entre clans, unha seca e un roubo de gando para que salte a faísca. Afortunadamente os anciáns tratan de tranquilizar estas disputas, establecendo áreas de pastoreo exclusivas para cada tribo.

Anuncios